Thursday 02 de May de 2024

O actor e escritor Pepablo Patinho presentará este venres na Biblioteca o seu libro “Receitas para cociñas no ar”


A concelleira de Bibliotecas, Mercedes Taibo, anunciou a presentación, o vindeiro venres día 31, do libro “Receitas para cociñas ao ar”, do escritor, actor e director teatral Pepablo Patinho. A cita, aberta á asistencia da cidadanía en xeral, dará comezo ás 18.30 horas na planta soto da Biblioteca municipal e contará coa participación de Gloria Mosquera (Mamá Cabra) e a súa guitarra.

“Receitas para cociñar ao ar” é un libro de pequenos relatos da vida dunha nena que descobre tesouros como a natureza, a literatura, a ecoloxía, a amizade. A rapaza está pensando para reflexionar sobre os pequenos detalles que lle dan importancia á vida, como de onde ven a auga e por que é tan valiosa, como se formaron os camiños…Trátase dunha publicación que convida a saír fóra e descubrir o mundo.

Pepablo Patinho é fundador, con Montse Piñón, da compañía de teatro Ghazafelhos, que leva case dúas décadas representando as súas obras por diferentes concellos galegos, entre eles o de Narón. Patinho é ademais autor de contos e textos dramáticos como “O saltón Astronauta, 3…2…1…”, “Lúa”, “A nena e o grilo no máis aló”, “Nana para un soldado” ou “A música das buguinas”, entre outros e adaptou para o teatro o conto “As pitas baixo a choiva”, de Ricardo Carvalho Calero.